viernes, 25 de marzo de 2016

Sexamos colosos nun mundo inabarcábel


Enciclopedia das Aves Estrañas :



Erithacus Rubecula Alienum


Resultado de imaxes para petirrojo




Reino:  Animalia
Filo: Chordata
Clase: Ave
Orde: Passeriformes
Familia: Muscicapidae
Xénero: Erithacus
Especie: E. Rubecula Alienum


Descrición xeral:
 “O paporroibo galego é unha subespecie do coñecido Erithacus Rubecula. Resulta moi difícil distinguilos se non se observan en estado salvaxe debido ao gran parecido anatómico. A maior diferencia entre as especies obsérvase na frecuencia do canto e o voo.
O E.Rubecula Alienum raramente se ve voar debido a que apenas quedan individuos e os seus niños atópanse en lugares de difícil acceso para ó ser humano.
 Científicos especializados nesta ave descubriron que o E.Rubecula Alienum é unha ave nocturna que adoita cazar nos bosques atlánticos do suroeste de Galiza.

Poboación
O primeiro espécime foi descuberto hai dous anos polo científico italiano Cesare Pavese na praia de Carnota.
Sábese que pode vivir en grupos de cinco ou máis individuos, establecéndose unha xerarquía na que o papel principal recae na femia.

Contacto con outras especies
 Testemuñas afirman que mantén boa relación con outras especies como a anduriña, o moucho galego, o flamengo, o cormorán e coa especie irmá  Anodorhynchus hyacinthinus. (Todas elas Aves Estrañas das que falaremos nesta nova edición da Enciclopedia).”

Nota: Atopáronse moitos individuos mortos sen causa aparente e trala autopsia os resultados revelaron que morreran por inanición voluntaria...
(O resto de páxinas desta enciclopedia foron arrincadas)





Ven.
Ti.
Fala.
Fala polo silencio da pantasma.
Trae as verbas da súa confesión.



Fun a testemuña, o silencio culpable do covarde.
Eu vin ao paxaro perdido, as árbores retortas, as pegadas vacilantes na liña do camiño empedrado. Eu pregunteime onde se atopaba a dignidade do depredador que axexa sen darse a coñecer, que gruñe sen saltar e que se relambe sen trabar.

Pechei os ollos deixando que a brétema pouco a pouco estendera os seus tentáculos polo bosque. Permitinlle a noite silenciar o chío dunha Ave Estraña.
                                                                                      


Estas liñas riscadas pola vergoña non me din nada.
Cóntamo, dime que pasou aquela noite.




O tempo recorría a liña do espazo desfigurando as sombras oblicuas das árbores. Un frío invernal de finais de Outubro arrincaba nevadas as nubes.
As plumas non chegaban para protexelo. Os lobos ouveaban a Lúa, mentres as aves durmían.
Tiña que espertar, o paporroibo tiña que espertar e moverse. A Lúa chea dirixiríao na noite.
As gadoupas silenciosas da escuridade arrástranse polo seu lombo, acariñando a súa columna. Chamándoo.
 Erlköning chega coas tebras dunha escuridade densa, asfixiante. 
A carapucha oculta a face do deus silencioso.
Xa é tarde para escapar tralo raio prateado do fermoso astro. Ten que agocharse. Ten que fuxir entre as raíces do chan ou ficar na póla máis alta do esqueleto da árbore.
As mans brancas de Erkölnig búscano. Ule o aire na procura do doce aroma do paporroibo.  Escoita os latexos do seu corazón na noite silenciosa. Tan calada, que calquera diría que se silencia para revelar ao pequerrecho paxaro de peito vermello.
Dúas mans cadavéricas envolven as ás do paxariño, arríncano da póla e gárdano nunha gaiola de cristal con area.
Erlkönig vaise galopando e tras el queda o manto que o ocultaba na noite. Vese a caveira e os fermosos osos brancos movéndose ao ritmo do cabalo.



Mintes.
Ti,
Testemuña,
mintes sobre o paporroibo.



(A testemuña canta mentres salouca)



Mira,
mira pola fiestra.
O paporroibo está voando,
voa cara as mans de Erlkönig.
Xa se van os dous,
van morrer ao mar.
Virá o vento e levará as súas sombras.
Ven pequena pantasma e falemos.
Queda moito tempo e poucas Aves Estrañas.



¿Entón testemuña, quen foi a vítima e quen o depredador?


(A testemuña enmudece)